Un novo incendio forestal volveu causar preocupación este mércores nos montes de Sanxenxo. Nesta ocasión, o lume declarouse a media tarde no lugar de Pontes, na parroquia de Noalla.
Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, as tarefas de extinción centráronse na contorna dunha casa, para protexela e evitar a chegada do lume.
Ás 19.00 horas, fontes oficiais confirmaron que a casa xa non corría perigo.
Previamente, decidiuse desalojar á parella que reside na vivenda, por precaución.

Até o lugar desprazáronse medios municipais e tamén autonómicos para proceder aos labores de extinción.
Así, despregáronse a Policía Local e Emerxencias de Sanxenxo e tamén os Bombeiros de Vilagarcía e a Garda Civil.
A Consellería de Medio Rural despregou un helicóptero e 10 brigadistas, segundo informou o Concello.
A Consellería de Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria, o 900 815 085.