Tras verse obrigada a paralizar o proceso hai uns meses, xusto antes do pasado verán, o goberno municipal de Sanxenxo está decidido a que o seu servizo de salvamento e socorrismo nas praias pase a ser xestionado de maneira externa por unha empresa.
Para iso, o Concello ultima a redacción dos pregos administrativos que rexerán o proceso de licitación, que arrancará en novembro. Sairá a concurso por dous anos e cun orzamento inicial duns 1,3 millóns de euros. Haberá posibilidade de dúas prórrogas.
O novo contrato deberá recoller obrigatoriamente un reforzo do persoal que vixía as praias de Sanxenxo e a ampliación da duración do servizo nos areais, máis aló de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo, desde o 15 de xuño ao 15 de setembro.
En canto ao equipamento, ás embarcacións e motos náuticas habituais, o servizo reforzarase cunha moto para as tarefas regulares de inspección, supervisión e control dos areais e cun vehículo de intervención para o traslado de persoal nunha emerxencia.
A dotación de material contempla, como mínimo, por cada módulo un desfibrilador, un equipo de férulas semirríxidas, balón ou botella de osíxeno medicinal, mochila de primeiros auxilios, balón autoinflable ou ventilador manual, máscaras de baixo e alto fluxo, collarín cervical, tensiómetro, termómetro, mantas térmicas e diferentes apósitos para curas ou golpes.
Nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Canelas deberán contar cunha cadeira anfibia para o baño de persoas con problemas de mobilidade, así como muletas anfibias.
Coa entrada en vigor da primeira ordenanza de praias en Sanxenxo, o prego recolle a realización de campañas de concienciación e coidado dos espazos naturais para dar cumprimento ao novo regulamento que deberá realizar a adxudicataria ao longo do verán para dar a coñecer a normativa.
A empresa adxudicataria deberá contar cunha ampla experiencia no sector de salvamento e socorrismo durante polo menos o últimos tres anos, destacan desde o goberno municipal, para garantir a mellor cobertura e profesionais posibles nas praias.