O goberno local do Concello de Soutomaior agarda aprobar a vindeira semana o seu orzamento municipal para o ano que vén.
As contas do Concello chegarán ata os 5,6 millóns de euros, converténdose no máis alto da historia de Soutomaior.
O novo orzamento terá un incremento do 8% con respecto ao de 2024 e dun 20% en relación a fai dous anos, o último orzamento aprobado polo anterior equipo de goberno.
O alcalde, Manu Lourenzo, destaca que será o segundo ano consecutivo no que Soutomaior aprobe os seus orzamentos "en tempo e forma", e lembra que anteriormente estas contas se aprobaban "sempre ben entrado o ano no que se aplicaban".
Segundo sinala, o novo orzamento consolida o modelo económico impulsado polo goberno local, no que os investimentos e as actuacións de protección e promoción social son as "liñas de forza".
Así, Soutomaior destinará preto de 400.000 euros de fondos propios a investimentos, o que sumado á captación de fondos doutras institucións, implicará que o Concello investirá en 2025 case un millón e medio de euros en actuacións e obras.
Neste ano 2024 o goberno de Soutomaior conseguiu case 2 millóns de euros en subvencións.
As partidas destinadas á protección e promoción social son as que presentan un maior incremento, con preto dun 20%. Destaca o aumento nos fondos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ao Centro de Información á Muller (CIM).
Tamén incorpora achegas para que o Concello de Soutomaior conte con máis persoal e servizos en materia de limpeza e mantementos municipais.
Manu Lourenzo sinalou que este orzamento "confirma a aposta do goberno de Soutomaior por un proxecto ambicioso e serio para o noso concello e a nosa veciñanza, na que non deixamos a ninguén atrás".
O alcalde tamén sinalou que os datos do último ano refrendan a "boa saúde económica" na que se atopa Soutomaior actualmente. "Hoxe Soutomaior é un concello saneado, cuns datos de tesourería próximos a 1,5 millóns de euros e no que se realizaron investimentos en 2024 por valor de máis dun millóns de euros, máis ca nunca na historia do noso concello a estas alturas do mandato", engadiu o alcalde.
Ademáis, por segundo ano consecutivo, o orzamento conxela as taxas e impostos municipais, agás aqueles que son un imperativo legal, como é o caso do lixo coa transposición estatal da normativa europea sobre o tratamento de residuos.
O alcalde presumiu de contar cunha das axendas de actividades "máis completas de toda a comarca", o que "fomenta o consumo" no municipio "e nos permite contar con máis recursos para seguir reinvestindo sen ter que tocar os impostos municipais", engadiu.