Novo paso adiante para a depuradora do polígono de Barro-Meis, valorada nun millón de euros

Barro
23 de xaneiro 2016

A obra xa se adxudicou o pasado verán por un importe de 980.169,58 euros e un prazo máximo de execución das obras de 9 meses, pero este venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobou o proxecto constructivo

Polígono Barro-Meis
Polígono Barro-Meis /

O proxecto para a construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) no polígono de Barro-Meis deu esta semana un novo paso adiante. A obra xa se adxudicou o pasado verán por un importe de 980.169,58 euros e un prazo máximo de execución das obras de 9 meses, pero este venres a Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou o proxecto constructivo.

O obxecto do contrato é a redacción do proxecto construtivo, a posterior execución da obra e a súa posta a punto. A actuación correrá a cargo da UTE Edar Barro Meis, constituída polas empresas Unika Proyectos y Obras S.A.U.  e Altuna y Uría S.A., e terá que construirse conforme ao proxecto aprobado esta semana.

A Xunta de Goberno tamén aprobou esta semana o expediente para a contratación, en réxime de aluguer, de seis furgonetas destinadas á mobilidade do persoal adscrito ao proxecto de posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra.

En concreto trátase de seis furgonetas que permitirán o desprazamento dos 18 arqueólogos e auxiliares ao longo dos 18 xacementos localizados en toda a provincia para continuar coas escavacións, sinalización e clasificación das pezas arqueolóxicas atopadas en cada xacemento.