Novos lombos e redutores de velocidade en catro rúas do centro da cidade

Pontevedra
10 de maio 2016

O goberno municipal ve catro zonas prioritarias onde entende que hai que tomar medidas para acougar o tráfico. Son puntos onde a Policía Local chegou a detectar vehículos circulando a máis de 80 quilómetros por hora e, nalgúns deles, producíronse accidentes graves nos últimos meses. Son Eduardo Pondal, a avenida de Bos Aires, a avenida de Vigo e Loureiro Crespo

Paso de peóns na rúa Eduardo Pondal
Paso de peóns na rúa Eduardo Pondal / PontevedraViva

O goberno municipal ve catro zonas prioritarias onde entende que hai que tomar medidas para acougar o tráfico. Son puntos onde a Policía Local chegou a detectar vehículos circulando a máis de 80 quilómetros por hora e, nalgúns deles, producíronse accidentes graves nos últimos meses. Son Eduardo Pondal, a avenida de Bos Aires, a avenida de Vigo e Loureiro Crespo.

Non en todas elas instalaranse lombos, xa que a estrutura da rúa non o permite.

Estes pasos elevados colocaranse na avenida de Buenos Aires, no paso de peóns situado ante o vello edificio de Maxisterio e nun de nova creación á altura da parada de autobús que hai nas inmediacións da ponte de Santiago; e en Eduardo Pondal, nos pasos de peóns entre a rotonda con Uxío Novoneyra e a ponte da avenida de Vigo.

Un reductor de velocidade, similar ao que se situou na saída da rotonda de San Roque cara á Alameda, é a opción elixida para as inmediacións dos pasos de peóns en Loureiro Crespo, entre o 12 de novembro e a avenida de Lugo e para as inmediacións do IES Frei Martín Sarmiento e a antiga delegación de Sanidade na avenida de Vigo. Alí, ao estar a beirarrúa case á altura da calzada, non se poden instalar lombos.

Ademais de informar sobre estas medidas, o concelleiro Luís Bará cualificou como "sabotaxe" ao modelo urbano de Pontevedra a proposta presentada polo PP para a circulación rodada no centro da cidade, xa que levaría a "miles de coches" á zona máis peonil.

Bará asegura que esta proposta carece de estudos técnicos que a avalen, a diferenza do que propón o Concello e que está a ser deseñado pola Policía Local e o enxeñeiro municipal, polo que pediu aos populares que abandonen os seus "xogos de nenos" e non sigan insistindo cunha medida "que non é seria nin rigorosa".

Pero para o PP, a súa proposta tivo unha "aceptación positiva" na oposición municipal e aseguran que "no vamos en contra de ningún modelo" senón que buscan, segundo o concelleiro José Luis Martín, buscar un "equilibrio" entre peóns e vehículos.

Esta reordenación permitiría, reiterou Martín, unha circulación "más fluída" no centro de Pontevedra, polo que lamentan que se rexeitara por parte do BNG.