Novos vestiarios e espazos polivalentes, proxecto en marcha para o pavillón de Caldas

Umia
07 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:19

O Concello de Caldas de Reis busca financiamento co obxectivo de licitar canto antes estas obras para modernizar o Pavillón Municipal de Deportes e acoller novas disciplinas

Manuel Fariña no Pavillón de Deportes de Caldas
Manuel Fariña no Pavillón de Deportes de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis vén de anunciar unha importante renovación do Pavillón Municipal de Deportes que permitirá modernizar os seus vestiarios e crear novas salas polivalentes aproveitando o espazo baixo as bancadas.

O proxecto, que se atopa en fase de redacción dende hai varias semanas, contempla unha reforma integral dos actuais vestiarios, que presentan un deficiente estado de conservación.

Segundo explicou Manuel Fariña, Tenente de Alcalde e responsable da concellería de Deportes, os novos vestiarios serán máis amplos, accesibles e funcionais.

"Este equipamento é moi demandado, e na práctica a renovación vai supoñer unha nova ampliación do espazo utilizable", sinalou Fariña, quen destacou que o pavillón é a instalación deportiva máis versátil do municipio, acollendo tanto competicións federadas e torneos como actividades dos centros escolares.

Unha vez rematada a reforma, o Concello estudará a implantación de novas actividades grupais como ioga, zumba ou GAP para traballar glúteos, abdominais e pernas. Neste caso sería necesaria a contratación de persoal específico, segundo indican desde o goberno local.

O proxecto, que se prevé finalizar nas primeiras semanas deste 2025, busca obter financiamento a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación. De conseguir a axuda, o Concello procedería de inmediato á licitación das obras.

"Se queremos seguir modernizando a nosa vila, é fundamental mirar cara o futuro, especialmente no que se refire á práctica deportiva e ao apoio aos clubs do municipio", concluíu o Tenente de Alcalde, quen subliñou o compromiso do grupo de goberno coa mellora dos equipamentos deportivos municipais.