Numerosas empresas compiten polas reformas de dúas estradas en Sanxenxo e Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
06 de abril 2019

Un total de nove empresas presentan as súas ofertas para suprimir un treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo. E quince empresas presentaron ofertas para a mellora da estrada entre Ponte Caldelas e Laxoso

Accidente de tráfico na curva de Areas Protección Civil de Sanxenxo

Un total de nove empresas presentan as súas ofertas para suprimir un treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo. E quince empresas presentaron ofertas para a mellora da estrada entre Ponte Caldelas e Laxoso.

En canto á actuación de Sanxenxo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun orzamento de 530.000 euros e está enmarcada na estratexia para ter eliminados en 2020 todos estes tramos nas vías de titularidade autonómica.

Entre as intervencións previstas neste tramo da vía destaca a construción dunha glorieta na intersección coa estrada provincial á praia de Areas. Na zona da curva dos Cotos renovarase o firme e reforzaranse a sinalización, o balizamento e os sistemas de contención. Ampliarase a estrada para acondicionar as paradas de autobús co fin de que estes vehículos non interfiran no tráfico cando se deteñen.

PONTE CALDELAS-LAXOSO

No caso de Ponte Caldelas, as empresas interesadas na realización desta actuación disporán dun prazo de oito meses para a realización dos traballos.

O proxecto prevé a actuación no tramo de 2,16 quilómetros máis próximo á cidade de Pontevedra, desde o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada da travesía de Laxoso.

Esta actuación define a ampliación da calzada ata acadar un ancho de 7 metros , así como rectificacións de trazado . A nova intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobildade correspóndese coa segunda fase da reforma desta vía de titularidade da Xunta, que xa foi acondicionada entre Aguasantas e Portasouto no termo municipal de Cerdedo-Cotobade. Ten un orzamento de preto de 650.000 euros.