A Federación Alcer Galicia conmemorou este mércores, 3 de xuño, o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos mediante a instalación de mesas informativas nas catro provincias galegas.
En Pontevedra, a praza da Peregrina acolleu un destes puntos de encontro coa cidadanía, coordinado pola presidenta local da Asociación de Loita contra as Enfermidades Renais, Nuria Cruz Ramos, co obxectivo de trasladar gratitude ás familias dos doantes e ofrecer orientación sobre os trámites necesarios para manifestar a vontade de doar.
Nuria Cruz Ramos, vinculada a Alcer desde o diagnóstico da súa patoloxía hai dúas décadas, fala, sempre con agradecemento, da súa experiencia como receptora de dous transplantes de ril.
O primeiro deles procedía dunha persoa falecida e o segundo, que cumprirá tres anos o próximo 20 de xuño, realizouse grazas á doazón en vida dunha amiga.
A representante da asociación explicou as diferenzas entre recibir un órgano dun doante falecido e tamén dunha persoa próxima: "O medo que sentes ao meter a alguén que ti queres en quirófano. Aínda que eles ofrécense, o medo... Eu creo que tiña máis medo eu que a doante".
Cruz Ramos describiu o cambio que supón a intervención tras as limitacións severas que impón a enfermidade renal crónica e a dependencia das máquinas de diáleses, onde a inxesta de líquidos se restrinxe a medio litro diario, computando alimentos como sopas ou cafés.
Unha vez que todo o proceso do transplante sae ben, as sensacións son inenarrables: "Saes do quirófano e es outra persoa porque te volves a sentir viva. Volves ter forzas".
A portavoz da organización incidiu na importancia de comunicar a decisión de ser doante á contorna familiar ou de formalizalo a través dun documento que achegue seguridade xurídica sobre os desexos do paciente respecto á doazón e ao tratamento hospitalario: "O mellor á hora de ser doante é facer o testamento vital, as últimas vontades".
Tamén advertiu sobre a existencia de informacións falsas difundidas en internet que xeran receos na sociedade: "É que están a correr bulos. O de sempre. As fake news. A xente ten medo de que non se fagan as cousas ben, pero en España está todo moi controlado. Moi controlado", insiste.
Lembra tambén que ningunha confesión relixiosa está en contra das doazóns e destacou a importancia de que os curas aclararan a posición da Igrexa católica respecto diso: "A Igrexa empezou a dicir nas súas homilías que a Igrexa non nega a doazón de órganos, que está a favor da doazón de órganos", apunta Nuria Cruz.

A mobilización deste ano coincide co 50 aniversario da creación do movemento Alcer. Neste contexto, as catro asociacións provinciais galegas uniron as súas reclamacións para demandar melloras estruturais no sistema sanitario.
As peticións céntranse en dous aspectos: unha revisión profunda da xestión da información para que os pacientes en espera reciban datos claros e periódicos sobre a súa situación real no proceso, e unha maior celeridade na realización das probas médicas necesarias para a inclusión efectiva na lista de espera, reducindo os tempos de incerteza.
De acordo co balance oficial da Organización Nacional de Transplantes (ONT) correspondente ao ano 2025, España rexistrou un total de 6.335 transplantes de órganos, dos que 429 se realizaron en Galicia.
No ámbito das intervencións renais, a cifra estatal situouse en 3.998 operacións, correspondendo 229 á comunidade autónoma galega.
Esta actividade foi posible grazas a 2.547 doantes falecidos en todo o país (143 en Galicia) e a 408 doantes en vida (22 no ámbito galego).
O ano 2025 concluíu con 5.163 pacientes en lista de espera en España, dos que 266 corresponden a Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.