O 2 de maio sortearanse os integrantes das mesas electorais

Pontevedra
26 de abril 2023

O sorteo terá unha novidade respecto a outros comicios anteriores xa que por primeira vez non transcenderán os nomes das persoas designadas para formar parte das mesas electorais

Carme da Silva na rolda de prensa
Carme da Silva na rolda de prensa / Juan Manuel García

O próximo 2 de maio o Concello de Pontevedra convocou un pleno no Teatro Principal para as 13.00 horas. 

A sesión terá un punto central, o sorteo dos integrantes das mesas electorais nas eleccións municipais, convocadas para o 28 de maio deste ano.

Mediante un sistema informático de carácter aleatorio seleccionaranse aos cidadáns que integrarán cada unha das mesas electorais previstas na localidade.

Este mércores, ao rematar a Xunta de Portavoces na que se abordou a convocatoria deste pleno, a concelleira Carme da Silva lembrou que a sesión terá unha novidade respecto a outros comicios anteriores xa que por primeira vez non transcenderán os nomes das persoas designadas para formar parte das mesas electorais. 

A Xunta Electoral Central adoptou esta medida por protección de datos.

Como xa se adiantou, a orde do día do pleno incluirá un segundo asunto: o cambio na clasificación urbanística do a base de extinción de incendios forestais do Campiño que permitirá que a parcela de 20.000 metros cadrados na que se atopa este heliporto deixe de estar como zona verde e pase a ser de dotacións e de equipamento social. 

O Concello de Pontevedra fai esta tramitación a pedimento da Consellería do Medio Rural no que se interpreta como o primeiro paso para que a Xunta desocupe unha das dúas parcelas coas que conta na Xunqueira de Alba.

Á marxe dalgún outro asunto que poida ser incluído a última hora, a orde do día do pleno complétase co recoñecemento de varias facturas que serán aprobadas para axilizar o seu pago.

Cinco minutos antes do inicio da sesión plenaria celebrarase outra, para a aprobación das contas da sociedade de Turismo de Pontevedra. Trátase dun trámite obrigado ao terminar o mandato.