O 81156 reparte sorte en Bueu: un quinto premio vendido por máquina

Bueu
22 de decembro 2013
Actualizado: 16:47

Vanesa Entenza Nores, titular da administración de lotaría número 1 de Bueu, descoñece quen foi o agraciado cos 6.020 euros, pero móstrase "contentísima de que haya caído en el pueblo"". No Sorteo do Neno de hai dous anos xa repartiu un segundo premio, pero tiña a 'espiña' do Sorteo Extraordinario de Nadal. Este domingo, canta con xúbilo: "por fin me estreno"

Administración de lotaría de Bueu que vendeu un quinto premio do Sorteo de Nadal 2013
Administración de lotaría de Bueu que vendeu un quinto premio do Sorteo de Nadal 2013 / Diego Torrado

Ás 11.30 horas da mañá a sorte chegaba á bisbarra do Morrazo. Os Nenos de San Ildefonso cantaban o 81156, premiado con 60.000 euros a serie, un quinto premio moi repartido que se vendeu en diversas localides galegas, entre elas, Bueu. As outras agraciadas foron Santiago de Compostela, Laracha e Val do Dubra, na Coruña

Vanesa Entenza Nores, o titular da administración de lotaría número 1 de Bueu, poñíase ao teléfono aos poucos minutos, aínda sen confirmación oficial de que tivese vendido o número, pero "contentísima de que haya caído en el pueblo". Mentres fala con PontevedraViva interrómpena. Xa está en disposición de dicir que repartiu sorte: "Me están confirmando. Sí, lo vendimos por máquina".

A administración de lotarías situada na rúa Eduardo Vicenti de Bueu repartiu un décimo deste quinto premio, o que implica 6.020 euros. Descoñece a quen llo vendeu, pois foi alguén que pediu o número por máquina.

Vanesa Entenza leva tan só dous anos á fronte desta administración, na que antes traballou como empregada durante 11 dos seus 32 anos de historia. Dende que colleu o traspaso, é a segunda vez que vende por máquina un premio destas características. No Sorteo do Neno de hai dous anos xa repartiu un segundo premio, pero tiña a 'espiña' do Sorteo Extraordinario de Nadal.

Este domingo, canta con xúbilo: "por fin me estreno" e comparte a nova cos escasos clientes que entran no establecemento. A pesares de non ser día de atención ao público, abreu a porta, pero achegáronse ao lugar máis xornalistas ca veciños de Bueu. Cos poucos que pasaron, quixo brindar con champán pola sorte repartida.

A provincia tivo fortuna noutras localidades como Vigo ou O Rosal. Neste último municipio do sur da provincia vendeuse unha das series do número 62246, agraciado co 'Gordo'.

En 2012, o 85045, un cuarto premio, vendérase íntegro en Pontevedra na administración da rúa Don Gonzalo. Del, a aseguradora AMA de Diego Murillo quedouse con 36.000 euros.