O 8M en Bueu, unha "alerta" de que o mundo "pode volver atrás"

Bueu
26 de febreiro 2021

O goberno municipal de Bueu presentou este venres a programación que deseñou para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Esta data, sinalan desde o Concello, segue a ser "necesaria" ante un mundo "que alerta con volver atrás"

Concentración feminista en Bueu
Concentración feminista en Bueu / Concello de Bueu

O goberno municipal de Bueu presentou este venres a programación que deseñou para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Esta data, sinalan desde o Concello, segue a ser "necesaria" ante un mundo "que alerta con volver atrás".

A Semana da Muller, que se adaptará ás circunstancias actuais e ás restricións establecidas pola covid-19, celebrará os actos centrais o propio 8 de marzo.

Será cunha concentración organizada pola CIG na Praza Massó ás 12.00 horas e, xa pola tarde, co recibimento oficial ás alumnas gañadoras dos IV Premios Sofía Novoa de Igualdade, Judit Cerviño Malvido, María Tenorio Solla e Patricia Torres Ferradás, as tres naturais de Bueu.

A idea é que o Concello publique un libro cos tres traballos de fin de grao que destacan pola súa perspectiva de xénero e que se faga entrega dun agasallo institucional, amais de dar lectura á declaración reivindicativa desta data. 

O 12 de marzo pola tarde presentarase o libro As fillas da Manola, co que a viguesa María López Correa gañou o IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares.

As persoas que desexen participar neste acto, que se celebrará na sala multiusos do Centro Social do Mar, deberán inscribirse previamente a través dun formulario na páxina web do Concello de Bueu.

O equipo feminino do Bueu Club de Fútbol realizará o día 13 pola tarde unha xornada de captación na Praza Massó para facer fincapé na necesidade de que as mulleres se incorporen ao deporte para rachar coas desigualdades de xénero no deporte.

Esta xornada completarase cun vídeo que se lanzará nas redes sociais do Concello e que falará da experiencia destas mulleres nun deporte eminentemente masculinizado. 

Aos actos organizados polo Concello unirase a Homenaxe Bueuesa Senlleira que promoverá a Asociación Club Golfiños, e que se celebrará o 6 de marzo pola tarde co obxectivo de reivindicar o papel das mulleres da poxa do peixe na vila, con nomes como Xuliana Conde González, Concepción López Conde, María Dopazo López e Luísa Agulla Dopazo.