O 97% das vivendas de Sanxenxo están conectadas ás redes de abastecemento e auga

Sanxenxo
22 de setembro 2024

As obras que está a realizar a concesionaria, Espina y Delfín, incluídas no novo contrato da auga e valoradas nun total de 12 millóns de euros, permitiron estender a rede de abastecemento e saneamento en todo o municipio de Sanxenxo

Obras de saneamento en Canelas
Obras de saneamento en Canelas / Concello de Sanxenxo

As obras que está a realizar a concesionaria, Espina y Delfín, incluídas no novo contrato da auga e valoradas nun total de 12 millóns de euros, permitiron estender a rede de abastecemento e saneamento en todo o municipio de Sanxenxo.

Os novos beneficiarios nos últimos meses foron 191 das 726 familias nas que se detectou a falta dalgún destes servizos cando saíu a concurso o ciclo da auga en 2023. 

Esta cifra supón que o 97% das vivendas de Sanxenxo xa dispoñen de ambos os servizos.

Agora queda pendente a substitución de 5.251 metros da rede de auga nas vilas e no rural. 

A actuación de maior calado neste apartado será a substitución da tubaxe de auga principal, de 3.790 metros, de Major a Portonovo, que aínda está en fibrocemento. No apartado de saneamento, substituiranse 6.844 metros das redes principais nas vilas e no rural. 

Ademais, en canto a melloras na rede de abastecemento e auga, construirase un novo depósito de 5.000 metros cúbicos e melloraranse as conexións entre os diferentes depósitos e os puntos de bombeo da rede de abastecemento de auga.

As obras que se atopa realizando Espina y Delfín compaxínanse coas incluídas no convenio asinado a tres bandas entre Sanxenxo, Poio e Acuaes cifrado en 24 millóns de euros. 

Esta actuación, que foi declarada de interese xeral do Estado, comprende a ampliación da depuradora de Paxariñas, a construción de novos colectores e estacións de bombeo e a execución do emisario submarino de Montalvo.

Precisamente, sobre este último está prevista, a principios de outubro, a conexión en terra da nova tubaxe de 1.300 metros de lonxitude.