O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, explicou este venres algúns dos detalles do prego de condicións para o concurso público das obras de mellora das piscinas de Campolongo e a construción do novo centro lúdico da Parda.
Entre eles destacan as tarifas máximas incluídas no prego, que se manteñen con respecto ás fixadas para o ano 2015.
Desta forma, os usuarios de Campolongo pagarán no futuro centro 35,26 euros mensuais de abono para adultos, 51 euros en caso das familias e 25,98 euros para colectivos especiais como xubilados ou estudantes, coa particularidade de que a xestión será única e poderán acceder sen cargo adicional ás instalacións que se crearán na Parda.
Trátase dun prezo máximo que pode ser mellorado nas ofertas das empresas interesadas, que contan de prazo "ata última semana de febreiro" para presentar as súas propostas.
O investimento mínimo establécese en 5,4 millóns de euros máis IVE cun período de concesión de 40 anos, sendo para Fernández "a inversión civil máis importante deste mandato e que creo vai a dar satisfacción a unha necesidade en Pontevedra".
Aínda que nun principio non se prevé o pagamento dun canon para a futura concesionaria "vaise valorar sempre que sexa maior de 15.000 euros e menor de 100.000", recoñeceu o concelleiro.
O responsable municipal de Deportes quixo ademais "tranquilizar aos traballadores de Campolongo", pois se establecerán puntos de valoración positiva se a oferta inclúe unha mellora no ratio de empregados e en caso de suspensión temporal da actividade mentres duren as obras que o expediente de regulación de emprego temporal "sexa do menor tempo posible".
Por outra parte nos próximos días convocarase unha reunión cos clubs deportivos que desenvolven a súa actividade na piscina de Campolongo para explicarlles, segundo Fernández, que "non haberá variación" con respecto ás horas e espazo de uso cos que contan actualmente.
O prazo de execución das obras que se previu é de 6 meses en Campolongo e de 12 meses na Parda.