O viario de acceso á capela do Santo, en Nantes, é a partir de agora unha "fermosa praza pública". Así o destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na inauguración de esta obra, que foi financiada con máis de 216.000 euros do Plan Concellos.
Acompañada do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, Silva destacou que este lugar "realmente necesitaba dun tratamento urbano especial" e celebrou que a actuación executada permita recuperar o espazo público para as persoas e poñer en valor esta "preciosa" contorna.
"Antes isto era unha estrada pensada para os vehículos, onde todas as vivendas tan fermosas e a capela, que é patrimonio de todos, nin sequera tiñan grande visibilidade", engadiu a presidenta, que apunta que neste lugar a xente "poderá atoparse, desfrutar e socializar".
Deste xeito, dun viario estreito, con mínimas beirarrúas que presentaban importantes deficiencias e dificultaban o tránsito peonil, a zona pasou a ser unha rúa residencial con plataforma única mixta de prioridade para as persoas.
A urbanización realizada no Santo consistiu na creación dunha plataforma única de uso mixto para persoas e vehículos, a base de lastras, nun tramo de 140 metros de lonxitude, a fin de dar preferencia ao tránsito de peóns e realzar os valores patrimoniais da zona.
No punto máis próximo á capela do Santo xerouse así mesmo un espazo de convivencia cunha nova pavimentación de pedra e a colocación de bancos.
Os traballos complétanse coa nova rede de alumeado público con farois con tecnoloxía LED de baixo consumo para mellorar a eficiencia enerxética e coa execución da rede de pluviais.
O alcalde, pola súa banda, agradeceu a colaboración da veciñanza da zona "desde o minuto un" para abordar a obra, que permitiu "converter unha estrada antiga nunha praza pública".
"Isto é para desfrute da veciñanza. E como alargar o salón da súa casa a través dunha zona pública", sinalou Martín, que asegurou que esta actuación realza o valor dunha capela que ten máis de 400 anos e dos carballos centenarios que hai no lugar.