O acceso ao IES de Poio estrea pavimentación e pasará a ser de dirección única

Poio
03 de maio 2021

O Concello de Poio acometeu unha serie de traballos para amplialo e dotalo de novo pavimento e cunetas. A actuación vai máis alá dunha mera mellora, xa que tamén contempla medidas para reforzar a seguridade viaria por este camiño polo transitan cada día moitos veciños e veciñas e, especialmente, parte do alumnado do instituto

Camiño da Outeira, situado no lugar de Fontenla, na parroquia de San Xoán
Camiño da Outeira, situado no lugar de Fontenla, na parroquia de San Xoán / Concello de Poio

O Camiño da Outeira, situado no lugar de Fontenla, na parroquia de San Xoán de Poio, e que dá acceso ao instituto do municipio, acaba de estrear nova imaxe e organización. Agora ten sentido único para a circulación de tráfico rodado. 

O Concello de Poio acometeu unha serie de traballos para amplialo e dotalo de novo pavimento e cunetas. A actuación vai máis alá dunha mera mellora, xa que tamén contempla medidas para reforzar a seguridade viaria por este camiño polo transitan cada día moitos veciños e veciñas e, especialmente, parte do alumnado do instituto.

A tenente de alcalde e responsable da Concellería de Obras de Poio, Chelo Besada, e o titular de Urbanismo e Mobilidade, Gregorio Agís, visitaron este luns a zona para comprobar o resultado das obras realizadas neste espazo de titularidade municipal. 

Os vehículos só poderán circular en dirección cara a PO-308 e os peóns pasan a contar con máis espazo, evitando que nas zonas máis estreitas se crucen dous turismos como viña sucedendo ata o de agora, segundo explicou Gregorio Agís.

Ademais, a partir de agora, o Concello prevé que probablemente se reducirán de xeito drástico as aglomeracións de tráfico no cruce da estrada da Fontenla coa PO-308, pola que tamén circulan os autobuses.

Besada e Agís explicaron que esta medida foi adoptada tendo en conta as peticións e sensibilidades da veciñanza e dos usuarios e usuarias habituais do camiño.

O Concello investiu preto de 15.000 euros nestas obras. Ademais de ampliar o espazo e dotar ao firme de nova pavimentación, tamén se procedeu a habilitar unha cuneta tendida, así como unha tubaxe a modo de canalización de pluviais. Ademais, está previsto que proximamente se complete a sinalización vertical e horizontal.

Chelo Besada explicou que esta actuación resultou moi importante, porque serviu para converter un antigo carreiro nun camiño en moi boas condicións, máis seguro e con novos servizos e agradeceu a paciencia da veciñanza e das persoas usuarias. Ademais, insistiu en que esta actuación levouse a cabo moito antes de que o Partido Popular demandase a súa realización.