O acceso das mariscadoras á praia de Praceres mellorará despois de Semana Santa

Marín
14 de marzo 2016

A praza de Praceres termina as súas obras de seguridade viaria e accesibilidade, á volta de Semana Santa espérase iniciar as obras na Rúa Areal

Mariscadoras dos Praceres
Mariscadoras dos Praceres / Mónica Patxot

O Concello rematou os traballos de seguridade viaria e accesibilidade na praza de Praceres. Despois de Semana Santa comezará a reforma da Rúa Areal e dos accesos á pasarela peonil sobre a autovía de Marín.

Demetrio Gómez, concelleiro responsable da parroquia, explicaba este luns que "a reforma de seguridade viaria e accesibilidade só está pendente de sinalización horizontal". Os traballos consistiron na reordenación do tráfico, a creación de máis prazas de estacionamento, eliminación de barreiras arquitectónicas e a creación dunha ruta segura para os escolares.

Despois de Semana Santa está previsto que comecen os traballos para reformar a rúa Areal, cun orzamento de 60.000 euros. Consistirá na mellora da accesibilidade e mobilidade desta rúa para dar servizo aos veciños e, especialmente, ás mariscadoras que empregan esta avenida para chegar á pasarela peonil sobre a autovía de Marín.

Pavimentarase toda a rúa Areal, desde O Santo ata a autovía, e crearase un circuíto peonil para acceder á pasarela pasando polos espazos que empregan as mariscadoras para o seu traballo diario, de tal forma que garanta unha mobilidade segura.