O acento galego é valorado negativamente pola mocidade

Pontevedra
21 de xaneiro 2019

Incrementar a autoestima lingüística entre a mocidade, é o obxectivo da IV Xornada de Normalización da Deputación de Pontevedra

Versión do famoso icono dos Rolling Stones
Versión do famoso icono dos Rolling Stones

O acento galego é valorado negativamente pola mocidade, tanto en idioma galego como en castelán. Esta é unha das primeiras conclusións dun estudo que está realizando Real Academia Galega sobre a percepción do idioma galego entre a denominada Xeración Z que é a das persoas nacidas a partires de 1990.

Este mesmo estudo tamén reflicte que a lingua galega comeza a ser mellor valorada na dimensión status-competencia.

Incrementar a autoestima lingüística entre a mocidade, é o obxectivo da IV Xornada de Normalización da Deputación de Pontevedra coas que, segundo lembrou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, "conseguimos traer a lingua á primeira liña e xerar un debate que sexa o alicerce sobre o que crear sinerxias cos concellos e desenvolver políticas en materia lingüística".

Explicou ademais que "nesta ocasión quixemos poñer o punto de partida na mocidade, tras constatar que o número de falantes e a percepción da lingua galega está a sufrir un retroceso entre os mozos e as mozas actuais". 

Neste sentido, Leal asegurou que "ao noso entender existe un importante número de actividades e iniciativas enfocadas á infancia mais ao chegar á mocidade vemos que hai unha eiva, e o que queremos é amosar diversas accións e proxectos que se poden levar a cabo para incrementar a autoestima en materia de lingua nese segmento de idade". 

Nesta xornada o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, falou do citado estudo sobre a percepción do idioma galego entre a denominada Xeración Z, que comezou a realizarse no ano 2017, e que conta con financiamento da Deputación.

Entre a información recollida en dito estudo, Monteagudo destacou cuestións como a "erosión da transmisión familiar" na lingua galega entre xeracións, e afirmou que "cando falla a transmisión dunha lingua, esta deixa de falarse entre as persoas máis novas". 

O estudo pon de manifesto que a lingua inicial galego mantense como habitual nas vilas e no rural, pero non no urbano; que a escola e o instituto inflúen nas prácticas lingüísticas; que a entrada no mundo laboral modifica tamén as prácticas lingüísticas, no sentido da bilingualización ou da castelanización; e por último que o binomio galego normativo / galego de sempre, da aldea, aparece continuamente. 

O secretario da RAG tamén dixo que Vigo é como lugar con menos uso e transmisión do galego.

AXUDAS

Na xornada tamén se deu conta das bases das axudas para normalización e dinamización da lingua galega para os concellos, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 8 de febreiro, e que contan cun orzamento de 300.000 euros, dos cales se destinan 150.000 para servizos de normalización e 150.000 para programas de dinamización.