O alcalde agarda que o novo contrato do lixo poida estar adxudicado antes de xullo de 2025

Pontevedra
13 de xuño 2024

O Concello de Pontevedra segue co "complexo" proceso administrativo para poder licitar este verán o contrato de lixos, coa intención, segundo apuntou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, de que poida esta adxudicado no primeiro semestre do próximo ano 2025

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra

O Concello de Pontevedra segue co "complexo" proceso administrativo para poder licitar este verán o contrato de lixos, coa intención, segundo apuntou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, de que poida esta adxudicado no primeiro semestre do próximo ano 2025.

Este xoves a Xunta de Goberno aprobou o réxime xurídico do anteproxecto de explotación e o estudo de viabilidade desta concesión do servizo público de xestión de residuos de competencia municipal.

Trátase dun paso máis antes de poder enviar as bases do concurso á Oficina Nacional de Evaluación, un organismo estatal dependente do Ministerio de Facenda que é o que ten que dar o visto e prace ao expediente.

Actualmente, o Concello de Pontevedra ten en marcha a oitava prórroga do contrato de lixos asinado en 1999, cando Lores aínda non era alcalde. 

Segundo o rexedor nacionalista, o novo contrato supoñerá facer  "borrón e conta nova no tratamento dos residuos domésticos" adaptándose á Lei de Residuos do 2022 que establece unha serie de esixencias respecto do tratamento do lixo orgánico que deixará de ser voluntario e será obrigatorio para toda a cidadanía. 

O primeiro concurso para adxudicar este contrato non interesou a ningunha empresa. "Obviamente como quedou deserto, houbo que resetear todo o tema, facendo as modificacións pertinentes, escoitando tamén a opinión das distintas empresas", lembrou o alcalde.

O novo orzamento elévase aos 12.815.030 euros anuais, dos cales 3.135.000 millóns corresponden a amortización e investimento e 9.679.000 euros á explotación. 

A diferenza do anterior prego retírase a recollida de resíduos téxtiles "que vai nunha contratación aparte, fóra dese contrato" do mesmo xeito que se elimina o pago do tratamento dos resíduos que van ao contedor resto e que se tratan en Sogama.  "Isto xeneraba problemas para as empresas concesionarias porque podían ter un incremento dos custos sen que isto estivese contemplado no contrato", explicou Lores.

Ese custo correrá a cargo do Concello, o que supón que na práctica todo o contrato, se sumamos estes dous asuntos vai superar os 13 millóns de euros.

"Eu estou encantado porque é un tema moi complexo que ademais vai significar un cambio total de funcionamento" manifestou o alcalde que, unha vez máis, admitiu que o servizo actual é "manifestamente mellorable".

O contrato mantén que a empresa adxudicataria terá que facer o tratamento do compost nunha planta que se construirá na Canicouva para o que dispoñerá dun prazo de 5 anos para a súa execución.

"A verdade é que estou ilusionado porque son plenamente consciente de que se necesita un revulsivo grande en todo o tema do tratamento, especialmente o control e tamén a inspección dos residuos, a información, etcétera, etcétera, porque é manifestamente mellorable", manifestou o alcalde.