O alcalde César Poza critica a negativa da Xunta a ampliar en 2023 o pantalán de San Adrián de Cobres

Vilaboa
23 de xuño 2022

César Poza recorda a Portos os problemas de inseguridade e precariedade das actuais instalacións para mariñeiros e bateeiros

Porto de San Adrián de Cobres (Vilaboa)
Porto de San Adrián de Cobres (Vilaboa)

O alcalde de Vilaboa, César Poza, criticou a negativa da Xunta a ampliar para o vindeiro ano 2023 o porto de San Adrián de Cobres, que dende hai anos se queda escaso para acoller á flota bateeira. 

"A pesar do compromiso adquirido cando viñeron ver a situación do porto non hai ningún avance, e queremos que non quede no olvido" dixo César Poza, porque "o sector pesqueiro de San Adrián necesita unhas instalacións axeitadas para desenvolver a súa actividade e contan co total respaldo do Concello nesta petición".

O alcalde advirte que, ademáis das xestións propias que seguriá a realizar desde a Alcaldía, recurrirá de novo ao grupo parlamentario socialista para esixir este investimento. 

César Poza lembra á Xunta o "problema de seguridade" na infraestrutura actual para os mariñeiros á hora de embarcar e desembarcar, xa que os barcos de bateas "atópanse abarloados entre si", o que implica "un risco para as embarcacións, inseguridade para as persoas e dificultades de operativa no atraque e desatraque".

Ante esta problemática, as organizacións de produtores de mexillón e o Concello de Vilaboa, incidiu, dirixíronse a Portos de Galicia noutras ocasións, solicitando que se actúe sobre este peirao, "sen atopar ata día de hoxe resposta en positivo sobre esta cuestión", lembrou o rexidor. Ademais, engadiu, o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha emenda aos orzamentos autonómicos de 2022 para poder levar a cabo esta demanda, pero esta foi rexeitada polo Executivo galego.