O goberno local de Bueu instará a Augas de Galicia a que asuma os compromisos coa vila e promova unha gran actuación na mellora integral dos servizos de abastecemento na rúa Pazos Fontenla. Así o anunciou Félix Juncal, alcalde de Bueu, nunha visita realizada este venres ás instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), na que estivo acompañado de Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, de Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, e de Carolina García, xefa de servizo de FCC Aqualia, empresa concesionaria do servizo de auga.
O acto de hoxe serviu para comprobar o "correcto funcionamento das instalacións" e alí o rexedor tamén anunciou que se levará unha proposta dos grupos de goberno (BNG e ACB) ao pleno de xaneiro co fin de instar á Consellería de Infraestruturas e a Augas de Galicia para que financien o proxecto de renovación de servizos e mellora integral na PO-315, concretamente ao seu paso pola rúa Pazos Fontenla.
O rexedor explicou que "xa hai aproximadamente tres anos que dende o Concello asumimos a redacción dun proxecto para esta zona e as diversas modificacións do mesmo, así como a tramitación dos permisos e autorizacións sectoriais pertinentes, sempre co convencemento e de común acordo no financiamento da Consellería de Infraestruturas e Augas de Galicia".
Juncal destacou que na última reunión mantida coa Conselleira hai un ano, xa se advertira de que era necesario que o Concello activase o sistema de tratamento terciario a través das lámpadas UVA, que xa se atopa en funcionamento dende setembro polo que o rexedor considera que "a parte do Concello xa a cumprimos, e só resta que a Consellería confirme o acordado nas reunións".
Hai xa moitos anos que o Concello de Bueu ten advertido do mal estado no que se atopa esta rúa, unha das arterias principais da vila, na que o pavimento dos vehículos se encontra deteriorado, o mesmo que as beirarrúas, nas que existen múltiples baldosas levantadas. Así mesmo, os servizos de abastecemento e saneamento de auga están obsoletos, co que supón tamén de riscos de vertidos ás canles fluviais.
O Concello vén traballando nun proxecto tal e como o foi solicitando o propio ente autonómico, "sempre dende a aparencia de que conseguiriamos o citado apoio financeiro, polo que instamos á Xunta de Galicia a que nos comuniquen de forma oficial que cumprirán co acordado", culminou o rexedor.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.