O alcalde de Ponte Caldelas acusa á Xunta de repartir "a dedo" os fondos do Plan de Emerxencias

Ponte Caldelas
06 de agosto 2016

Andrés Díaz asegura que o Concello "baralla acudir aos xulgados" pola repartición de axudas para reparar os danos ocasionados polos temporais do inverno. "Na nosa bisbarra lle dan cartos a Cotobade sen sequera solicitalos e fúrtanllos a Ponte Caldelas", sinala o rexedor

Andrés Díaz visita os traballos de roza nas rutas de sendeirismo de Ponte Caldelas
Andrés Díaz visita os traballos de roza nas rutas de sendeirismo de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas "baralla acudir aos xulgados" ante a repartición "a dedo" das axudas de Medio Rural para reparar os danos ocasionados polos temporais do pasado inverno.

Así o asegura o alcalde, Andrés Díaz, ante o Plan de Emerxencias que repartiu 2,8 millóns de euros en axudas e que "incluiu a 14 concellos, todos eles do Partido Popular".

"Na nosa bisbarra lle dan cartos a Cotobade sen sequera solicitalos e fúrtanllos a Ponte Caldelas", sinala o comunicado feito público polo rexedor.

Ponte Caldelas solicitara recibir 12.318 euros deste plan para emendar os danos ocasionados pola crecida do río Verdugo no Paseo da Calzada.

Para o alcalde o procedemento administrativo utilizado pola Xunta para repartir o Plan de Emerxencias supón un "enigma" xa que "a conselleira de Medio Rural asinou convenios cos alcaldes, polo que parece que non foron subvencións de concorrencia competitiva, senón que os concellos foron elixidos a dedo por simple afinidade política", concluíu.

Por todo isto Andrés Díaz asegura que o asunto está en mans do servizo xurídico do Concello e "baralla presentar un recurso contencioso-administrativo, aínda que non se desbota presentar unha queixa formal diante da Valedora do Pobo ou mesmo diante da Unión Europea" no caso de que se financiou con fondos Feader.