O alcalde de Pontevedra explica a creación dun ecosistema urbano seguro no Portugal Mobi Summit

Pontevedra
10 de outubro 2020

Fernández Lores asegurou na tarde deste venres durante este encontro internacional que "hai que tomar decisións políticas para construír cidades que sexan espazos de convivencia, porque son as cidades nas que a xente quere vivir e traballar"

O alcalde de Pontevedra na Portugal Mobi Summit
O alcalde de Pontevedra na Portugal Mobi Summit / Concello de Pontevedra

O Portugal Mobi Summit acollía este venres no Centro Cultural de Cascais a intervención do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores dentro dun panel de debate sobre planificación dun ecosistema urbano seguro para peóns, ciclistas e novas formas de micro mobilidade.

O modelo urbano de Pontevedra era presentado neste encontro internacional como exemplo dunha experiencia práctica de mobilidade sostible e amable. Desta forma tratouse o acougado de tráfico e a limitación da velocidade a 30 km/ h en toda a cidade e a limitación a 10 km/ h nas zonas de convivencia, un dos puntos que segundo o goberno local chamou máis a atención durante a intervención do alcalde.

Fernández Lores explicaba a necesidade de estudar o funcionamento do tráfico para reducir a circulación innecesaria de vehículos e manter a actividade da cidade, dando servizo a residentes e ao comercio. Lembrou que a xente quere vivir, convivir e traballar en cidades agradables e atractivas e citou á cidade do Lérez como exemplo de urbe con aumento de poboación nos últimos anos.

O máximo mandatario do municipio sinalaba que a velocidade permitida no conxunto da cidade non debe crear inseguridade viaria e lembrou que Pontevedra leva máis dunha década sen mortes por atropelo no centro urbano.

Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado neste encontro polo concelleiro de Movilidad de Lisboa Miguel Gaspar; polo profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa David Vale, que participou telematicamente; e polo xerente de desenvolvemento comercial do CEiiA, Rui Rei.