O alcalde terá a única dedicación exclusiva na Corporación da Lama

A Lama
31 de xullo 2023

O Pleno da Corporación Municipal aprobou a Conta Xeral do 2022 por un montante total que ronda os 4 millóns de euros partindo duns orzamentos de 1,6 millóns de euros e poñer como festivos locais para o 2024 o 26 de xullo e o 5 de agosto

Pleno do Concello da Lama
Pleno do Concello da Lama / Concello da Lama

A Corporación Municipal do Concello da Lama celebrou o pleno organizativo no que se decidiu que só dispuxera dunha dedicación exclusiva o alcalde, David Carrera, que pasará a supoñer un custe bruto anual para as arcas municipais de 42.000 euros (uns 3.000 euros menos que o tope salarial legalmente fixado).

Por outra banda, o Pleno da Corporación aprobou a Conta Xeral do ano 2022 que contempla un balance de execución de casi 4 millóns de euros partindo dun orzamento inicial de 1,6 millóns de euros grazas ás subvencións xestionadas desde o que permtiu, entre outras, acometer a obra do Centro de Día da Lama ou aumentar o número de beneficiarios dos Servizos Sociais.

Noutra orde de cousas, a Corporación Municipal aprobou cos votos a favor do PPdeG, IPR e UCIN e a abstención do PSdeG-PSOE fixar como festivos locais para o ano 2024 o venres 26 de xullo e o luns 5 de agosto.

Ademais, o Pleno acordou ter sesións ordinarias con periodicidade bimensual (6 ao ano) así como crear a Comisión Informativa de Contas, con periodicidade anual. Neste punto, o voceiro de IPR, José Ogando, suxeriu ao equipo de goberno que estudara a creación dunha comisión de seguimento de obras e outra de desenvolvemento de actividades.

Tamén se decidiu como asignar a cada concelleiro pola súa asistencia aos órganos colexiados (plenos) unha indemnización de 70 euros. Neste punto o ex alcalde e concelleiro do PPdeG Jorge Canda tomou a palabra para renunciar públicamente a estes emolumentos e destinalos a Servizos Sociais do Concello. Esta proposta foi secundada pola concelleira popular Trinidad Fernández Oubiña que destinará tamén eses cartos ao departamento de axuda municipal.

O alcalde, David Carrera propuxo tamén a delegación de competencias do Pleno na figura do rexedor que foi aprobado polo voto en solitario dos 5 concelleiros presentes do PPdeG fronte ao voto en contra de IPR e a abstención dun concelleiro de UCIN e outro do PSdeG-PSOE.

Carrera Cal deu conta ante o Pleno dos nomeamentos de José Fortes, como primeiro tenente de alcalde, Trinidad Fernández Oubiña, como segunda tenente de alcalde e de Andrés Cal Malleiro, como terceiro tenente de alcalde. Ademais de delegar as funcións do Servizo de Deporte, Cultura e Turismo no concelleiro Plácido Pillado Alfaya; Muller, Igualdade, Xuventude e Asuntos Sociais, na concelleira Trinidad Fernández Oubiña e Medio Rural, Gandeiría e Agricultura no concelleiro José Fortes García.