O alumnado de primaria do CEIP de Ponte Sampaio ampliou a súa formación esta semana a través dun obradoiro de eco-percusión no que aprendeu nocións básicas sobre como tocar a batería, a caixa e o tambor.
Unha das singularidades deste obradoiro, impartido polo percusionista Didier Diaz, é que utilizaron como instrumento para practicar a percusión un balde de plástico elaborado con material de refugallo.
A actividade organizouna o equipo de dinamización da lingua galega do CEIP de Ponte Sampaio en colaboración coa ANPA Virxe do Carme e realizouse na aula de música do centro en dúas quendas de 50 minutos cada unha.
Participou alumnado dos tres ciclos de primaria do centro, que tivo oportunidade de realizar prácticas coas baquetas, potenciar o seu ritmo corporal e tocar a caixa e a batería. Ademais, para rematar, tocaron como se fosen unha banda cos baldes facilitados polo profesor.