O 'anel verde' de Pontevedra recibirá unha inxección de 275.000 euros para manterse a punto

Pontevedra
19 de novembro 2021

O Concello acometerá a renovación do parque forestal do Pontillón de Castro, fará actuacións para coidar as contornas de A Fracha e A Tomba e proxecta unha actuación conxunta para os tres parques coa licitación dun concurso de mantemento valorado en 128.000 euros

Inauguración do circuíto para disciplinas gravity de BTT na Fracha
Inauguración do circuíto para disciplinas gravity de BTT na Fracha / Cristina Saiz

Os parques forestais do Pontillón do Castro, A Fracha e A Tomba, o 'anel verde' que practicamente rodea Pontevedra, recibirán una importante inxección económica, preto de 275.000 euros, para a súa posta e punto e mantemento. 

Así o anunciou Alberto Oubiña, concelleiro coordinador de Montes do Concello de Pontevedra, este venres. En comparecencia ante os medios de comunicación deu a coñecer que haberá un investimento para a renovación do parque forestal do Pontillón de Castro, outros para coidar as contornas de A Fracha e A Tomba e unha actuación conxunta para os tres pois nas vindeiras semanas sairá a concurso o contrato de mantemento de todos eles

Este concurso conxunto será o que reciba un maior investimento, 128.000 euros. Será un contrato por tres anos con posibilidade de prórroga por un ano máis e permitirá acometer un mantemento regular e continuo dos tres parques, para que sempre estean a punto e durante todo o ano haxa persoas traballando no monte

En caso de que logren rematar todos os trámites a tempo, licitarán o contrato antes de que remate o ano e, en todo caso, sairá a licitación, como moi tarde, a comezos de 2022

A maior partida deste contrato, 80.000 euros, será a que se destine a tarefas de roza, pero haberá fondos para todo tipo de traballos, desde reposición de árbores danadas a melloras de pistas ou mantemento dos elementos de mobiliario e das zonas de lecer.

Ademais, está previsto un investimento de 73.000 euros para a renovación do Pontillón do Castro, que leva inaugurado 11 anos e xa require unha posta punto. Oubiña deu a coñecer que se encargaron traballos para a mellora dos camiños perimetrais do encoro, a renovación do parque infantil, a substitución e reparación do mobiliario e a reparación de dous dos miradoiros. 

No caso dos parques forestais da Tomba e da Fracha, recentemente inaugurados, haberá pequenas intervencións para evitar o deterioro e mellor o seu servizo. 

Na zona da Fracha, a actuación está vencellada co bikepark, que desbordou todas as expectativas de uso do Concello. Para mellor a experiencia dos usuarios deste espazo, vaise habilitar unha zona de estacionamento. A actuación custará preto de 38.00 euros. 

No parque da Tomba vaise mellorar o acceso ao miradoiro de Pinar do Rei e instalaranse mesas e bancos para habilitar zonas de descanso. O orzamento para estes traballos é similar ao da Fracha, 38.000 euros.

Alberto Oubiña destacou que se trata de espazos moi usados pola veciñanza e confirmou a aposta do Goberno municipal para potencialos tanto pola recuperación do medio ambiente como polo seu uso como espazos de socialización e fórmulas de lecer e deportes saudables ao aire libre.