O 55 aniversario da Brigada Galicia VII, Brilat, estivo marcado pola pandemia da covid-19, que imposibilitou a realización de todas as actividades habituais organizadas cada mes de xuño para esta celebración. Con todo, a falta de celebracións pola situación sanitaria non acabou coas ganas dos integrantes da brigada de conmemorar e canalizáronas con fins solidarios, como xa fixeran en 2020.
Así, continuando co seu "compromiso e traballo permanente" en apoio á cidadanía na súa loita contra a pandemia provocada pola covid-19, por iniciativa dos integrantes da Brigada, xurdiu a idea de envorcar o esforzo na campaña ' Brilat Solidaria'.
Os impulsores recolleron alimentos non perecedoiros entre o persoal destinado na base General Morillo de Figueirido. Unha vez reunidos, procedeuse á entrega ao Banco de Alimentos de Pontevedra.
Ademais, os membros da Brilat participan activamente nas xornadas de doazón de sangue organizadas pola Xunta de Galicia nas instalacións da Base General Morillo.
A pandemia reduciu as doazóns por múltiples razóns, polo que, ao oír o chamamento realizado polos profesionais sanitarios, os militares da Brigada ofreceron as súas instalacións e o seu persoal para axudar a paliar o problema de escaseza de recursos na medida das súas posibilidades e, tal e como destacan desde a Brilat, "expresar de maneira solidaria, unha vez máis, o seu compromiso coa sociedade".