A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou este luns a subida do 7,6% de prezos do aparcamento soterrado da Praza de España.
Así, a tarifa pasará de custar 1,59 euros a hora a 1,71 (IVE incluído).
Trátase da revisión de prezos dun contrato de concesión de obra pública por solicitude da empresa adxudicataria en función da variación do IPC (Índice de Prezos ao Consumo).
Esta subida entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023 e correspóndese coa revisión de prezos de febreiro do 2021 a febreiro de 2022, tal e como estipula en contrato.
A Oficina Técnica de Medio Ambiente e Infraestruturas, Inxeñaría e Servizos informou favorablemente a esta subida.
"Nós entendemos que é unha subida considerable", valorou a portavoz do goberno local, Anabel Gulías.