O aparcamento do porto de Sanxenxo facturou o pasado ano o seu máximo histórico

Sanxenxo
15 de xaneiro 2024

O aparcamento público de Nauta pecha 2023 cun novo récord de recadación: 637.688 euros, a cifra máis alta desde a súa apertura

Interior do párking Nauta Sanxenxo
Interior do párking Nauta Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O aparcamento público Nauta Sanxenxo pechou o ano 2023 cun novo récord de recadación, 637.688 euros, a cifra máis alta desde a súa apertura. 

Segundo informou o Concello de Sanxenxo, os meses de maior facturación coinciden cos meses de agosto (186.285 euros), xullo (135.326 euros), setembro (60.436 euros) e xuño (53.648 euros).

Estes bos datos económicos conséguense mesmo coas dúas horas de estancia gratuítas que o aparcadoiro Nauta mantén actualmente e desde o ano 2020 para os empadroados no municipio, co obxectivo de facilitar as súas xestións e compras no centro da localidade. A este sistema atópanse xa abonados máis de 3.600 veciños.

As instalacións dispoñen dun total de 584 prazas repartidas na planta pública interior (206), a exterior (200) e o aparcadoiro privado (178). 

Durante o pasado mes de decembro facturaron 22.083 euros e mantivo un total de tránsitos de 9.110 vehículos e unha estancia media de 48 minutos. Os días de maior facturación foron o día 3, con 1.601euros; o día 17, no que se recadaron 1.635 euros e o 31, con 1.260 euros.

O concello de Sanxenxo conta con varias alternativas gratuítas a este aparcadoiro de Nauta como son os dous aparcamentos disuasorios da Rúa Progreso, outro con capacidade para 72 vehículos na confluencia con Cesteiros, e outro, á altura da nova rotonda, para 240 coches; a bolsa de aparcamento de detrás da igrexa do Templo Novo con 153 prazas; outro en Constitución con 20 prazas e o que se atopa nunha parcela do Tombo na que poden estacionar ata 240 vehículos.