O arrecendo a cebola volve inundar Sanxenxo cunha multitudinaria feira

Sanxenxo
04 de setembro 2023

Unha ateigada Praza dos Barcos serviu como escenario de excepción para unha nova edición, a número 41, da Feira da Cebola de Sanxenxo. Tal foi a expectación que os máis de 44 postos da cita serviron produtos ata esgotalo, moitos deles cando apenas levaban dúas horas de apertur

XLI Feira da Cebola de Sanxenxo
XLI Feira da Cebola de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Unha ateigada Praza dos Barcos serviu como escenario de excepción para unha nova edición, a número 41, da Feira da Cebola de Sanxenxo.

Tal foi a expectación que os máis de 44 postos da cita serviron produtos ata esgotalo, moitos deles cando apenas levaban dúas horas de apertura.

Como en cada edición, premiouse a ristra máis longa, que neste caso alcanzou os 60,70 metros realizada por Feliciano Pombo, e a cebola máis grande, de 1.720 gramos, cultivada por Esteban Miniño en Bordóns.

En canto ás composicións artísticas, unha vez máis quedou patente o talento. As premiadas foron a Torre de Hércules, A Noiva da Cebola e o Veleiro Bribón.

Aproveitando esta cita festiva, Sanxenxo tamén entregou as súas tradicionais Cebolas de Ouro que, nesta ocasión, foron para o enxeñeiro aeroespacial, Fernando Abilleira, traballador da NASA, e para a médica Adriana Nieva.

O alcalde, Telmo Martín, destacou que ambos comparten "traxectorias vitais similares marcadas polo esforzo, o traballo e determinación que os levaron a ter éxitos profesionais e destacar nas súas carreiras". 

Abilleira agradeceu o premio e asegurou sentirse "cidadán do mundo e moi orgulloso" das súas raíces galegas e de Sanxenxo, dedicándolle o premio á súa familia e agradecendo "agarimo que estou a recibir de todos vós".

A filla de Adriana Nieva, pola súa banda, agradeceu a distinción á súa nai e lembrou que a súa profesión "sempre foi unha das súas prioridades", aínda que tamén destacou o seu papel "como nai, esposa e médica", visiblemente emocionada.

Unha das novidades desta edición da Feira da Cebola, o taller para nenos, tivo un gran éxito de participación. Unhas expertas "ceboleiras" encargáronse de mostrar aos máis pequenos a elaboración das ristras e as composicións artísticas.

Ante a previsión de condicións meteorolóxicas adversas, decidiuse aprazar o espectáculo pirotécnico previsto para hoxe a mañá martes á mesma hora.

Tamén se traslada, pero ao mércores, a verbena prevista para esta noite con La Oca Banda e New York.