O asfaltado do tramo urbano da rúa Jaime Janer será a última actuación urbana deste mandato de María Ramallo

Marín
16 de marzo 2015

As obras de reposición de asfaltado afectarán ás zonas máis danadas, principalmente o carril de baixada

Visita ao inicio das obras de asfaltado da rúa Jaime Janer
Visita ao inicio das obras de asfaltado da rúa Jaime Janer / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia iniciou este luns o asfaltado nun tramo dun quilómetro as zonas máis danadas da rúa Jaime Janer, dende o seu cruzamento na intersección coa baixada aos Suboficiais a través da rúa Landín Pazos, ata o cruzamento coa estrada de Figueirido, tamén denominada PO-313 de titularidade autonómica.

As obras de reposición de asfaltado afectarán ás zonas máis danadas, principalmente o carril de baixada. Esta obra fora solicitada en reiteradas ocasións pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, ao departamento de Infraestruturas que finalmente contratou a súa reposición.

Sinalizaranse convenientemente as zonas que deberán quedar libres de aparcadoiros para non obstaculizar o traballo que aproveitando o bo tempo se executará de forma máis rápida.

Para iso, a empresa adxudicataria establecerá os valados e os avisos para que non pillen de sorpresa os usuarios ao ser unha vía de moita intensidade de tráfico e unha zona eminentemente urbana.

Con esta actuación, finalizarían as actuacións urbanas neste mandato, quedando á espera de finalizar as obras de humanización pendentes nas próximas semanas.