O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia do movemento veciñal para a dinamizar a vida social e cultural na provincia na celebración na Cultural de Cambados da segunda xornada do programa +Convivir.
Foi unha xornada para poñer en valor o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron máis de 300 persoas implicadas en distintas asociacións veciñais da comarca do Salnés.
As actividades deron comezo arredor das 16.30 horas cunha charla sobre o alzhéimer a cargo do persoal da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer do Salnés (AFASAL). A programación continuou cun obradoiro de risoterapia seguido dunha clase de traballo funcional. Arredor das 20.30 houbo unha degustación dun viño e petiscos que puxo o broche douro a unha festa que serviu para poñer en valor a importancia de vivir en comunidade.
O programa +Convivir é unha nova iniciativa da Deputación para amosar as súas sinerxías co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Despois dun primeiro encontro hai dúas semanas en Poio, celebrouse esta segunda xornada en Cambados nun periplo que terá continuidade nas vindeiras semanas noutras comarcas da provincia.