Unha das estampas máis tradicionais do verán pontevedrés non se repetirá. Polo menos, ata 2021. Trátase do baile da Peregrina, organizado cada mes de agosto polo Liceo Casino. A entidade decidiu cancelar a súa celebración pola COVID-19.
O presidente do Liceo Casino, Jaime Olmedo, confirmou a PontevedraViva que a decisión de suspender este evento foi adoptada pola xunta directiva da entidade, como consecuencia das restricións que impuxo a pandemia do coronavirus.
Coas normas fixadas pola Xunta, o aforo para o baile quedaba reducido a unhas 1.000 persoas o que, xunto coa preceptiva distancia de seguridade entre os asistentes e a obrigatoriedade de levar máscara, provocaría que o evento "quedase devaluado".
"Ou o faciamos como edicións anteriores ou mellor non facelo", explicou Olmedo, que asegura que non se barallou aprazalo para outra data porque "é a festa da Peregrina", polo que "non tería sentido" organizalo máis adiante. "O mellor é deixalo para 2021", engade.
Ademais, de seguir adiante co baile, o Liceo Casino teríase que enfrontar a outro problema, xa que o ano pasado a asistencia foi dunhas 4.000 persoas, polo que a directiva tería que decidir "quen vén e quen non".
"Para facer unha cousa mal feita mellor suspendelo, non queda máis remedio", sinalou o responsable da entidade, que entende que coas actuais restricións "quedaría un produto moi distinto ao que están afeitos os socios".
Por este mesmo motivo, o Liceo Casino suspenderá todos os seus bailes durante os próximos meses, aínda que manterá outras actividades nas súas sedes e estuda, entre outras iniciativas, organizar "ceas tranquilas" nas súas instalacións.
Durante o baile da Peregrina do pasado ano, once mozas -acompañadas dos seus pais- realizaron a súa presentación en sociedade nun evento que, como é habitual cada ano, celebrouse no parque de verán que o liceo Casino ten na Caeira.