"O balcón do val de Cuntis cunha ollada á ría de Arousa"

Umia
29 de outubro 2022

O Concello de Cuntis mantén a súa aposta polo sendeirismo coa sinalización dun novo roteiro que transcorre polo Castro de Arcos ou a Lagoa de Zo entre outros elementos coa colaboración do club de montaña Xesteiras

Roteiro que transcorre polo Castro de Arcos
Roteiro que transcorre polo Castro de Arcos / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis vén de acometer a sinalización dun roteiro que parte da zona de Ferreiros e transcorre por elementos patrimoniais de gran valor como son o castro de Arcos ou a famosa lagoa de Zo. A senda consta de 8 km e faise de maneira circular, o que facilita as cousas para a xente que se desprace en vehículo.

Esta é unha zona limítrofe co concello de A Estrada polo que existe unha proxección de atraer ademais da propia veciñanza, a do concello veciño dado que se encontra moi preto do casco urbano e que moitos decoñecen.

Un dos elementos máis destacables é o castro de Arcos situado na parroquia homónima e que grazas a súa altitude permite contemplar os vales de Cuntis e Vea, as terras de Tabeirós, no concello da Estrada, o Pico Sacro e o Castro Sebil, que nos saúda dende o sur, o maior promontorio da comarca: o monte Xesteiras e inclusive a ría de Arousa. 

Ademais a colocación dun banco de granito fai que os amantes dos solpores e as redes sociais teñan un novo lugar ao que peregrinar en masa.

Manuel Campos mostrouse orgulloso desta intervención á que se referiu coma "o balcón do val de Cuntis cunha ollada á ría de Arousa" e recordou que a contorna da Lagoa de Zo está protexida por Patrimonio por atoparse nesta zona túmulos megalíticos.

Ademais apuntou que a lagoa acolle tamén especies ornitolóxicas únicas no oeste peninsular, como é o caso do pintafontes palmado, o lavanco ou o pato real, algunhas das especies comúns na lagoa, que aumenta a súa poboación en inverno.