A Gran Recollida Solidaria de 2014 realizada polo Banco Provincial de Alimentos nos ùltimos días superou o obxectivo que se marcara, recoller 200.000 quilos de alimentos. A falta das cifras definitivas, que se dará a coñecer o martes 2 de decembro, dende a fundación xa indican que confían en que se cubra a demanda de peticións ata o mes de maio de 2015 nas sedes de Vigo e Pontevedra.
O presidente da Fundación Provincial do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, móstrase moi optimista e explica que todo foi "espectacular" e non encontra palabras "que describan o acontecido nestes dous días" e que expresen "todo o noso agradecemento" tanto aos cidadáns que realizaron doazóns como aos voluntarios que colaboraron, pois "non estiveron de dez, estiveron de cen".
Pereira indicou que se superaron os 200.000 quilos de alimentos, pero que para saber o número exacto haberá que esperar, pois durante as xornadas deste domingo e este luns nas dúas sedes que a Fundación ten en Vigo e Pontevedra aínda continuarán recepcionar mercadoría.
Móstranse "moi contentos" con toda a campaña e, en especial, coa resposta que tivo en Valmiñor e Pontevedra
"Queremos ser serios e estritos coas cifras, por iso ata o martes non podemos dar un dato exacto, aínda que si podemos afirmar que superamos o obxectivo que nos marcaramos co que contabilizamos ata agora", indicou.
A Gran Recollida buscaba incrementar a cifra de recollida da pasada edición, ampliando ademais o raido de acción e móstranse "moi contentos" con toda a campaña e, en especial, coa resposta que tivo a zona de Val Miñor e en Pontevedra, porque "non tiñamos experiencia nin referencias, e volcáronse connosco".
Ademais, agradece que os cidadáns doaron o que realmente lles solicitaran, porque as familias o necesitan de verdade, isto é, leite, aceite, conservas e, sobre todo, alimentos infantís.