Tres centros de Supermercados Froiz colaboraron esta fin de semana coa Operación Quilo do Banco de Alimentos da provincia, unha actividade solidaria que logrou reunir 10.000 quilos de comida que servirán para recuperar o seu stock de alimentos básicos do almacén situado na rúa Faustino Santalices.
A Operación Quilo, na que participaron 70 voluntarios, levouse a cabo o venres e o sábado e as mostras de solidariedade foron un ir e vir durante os dous días. Novamente, os alimentos básicos que máis se recibiron foron leite, galletas, cacao e aceite, entre outros.
Desde a ONG agradecen a implicación solidaria dos cidadáns e tamén que as superficies comerciais de Froiz permitisen a presenza de voluntarios para facer posible esta nova Operación Quilo.
Durante 2015, o Banco de Alimentos entidade repartiu 1,7 millóns de quilos de comida (1.688.000 quilos), o que representa un 30% máis que en 2014, cando foron máis de 1,3 millóns de quilos (1.345.520 quilos) os entregados aos 150 colectivos sociais da provincia aos que axuda.
A través destas entidades benéficas, a ONG chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra, das que 3.000 residen en Pontevedra e comarca e cuxos colectivos sociais ascenden a unha trintena.