O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, acudiu este sábado a Pontevedra a presentar o libro 'Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática', pero a súa visita destacou por outro asunto, as súas declaracións sobre a continuidade do complexo de Ence en Lourizán máis alá do ano 2018.
O máximo responsable do Bloque Nacionalista Galego anunciou ante os medios de comunicación que o seu partido denunciará ante a Fiscalía e tamén ante a Union Europea unha suposta "trama" entre responsables da pasteira e cargos do Partido Popular.
Vence acusou a Isabel Tocino e Carlos del Álamo, ex ministra e ex conselleiro de Medio Ambiente e agora no Consello de Administración de Ence, de favorecer que a política do Goberno e o PP "responda unicamente aos intereses de Ence".
O nacionalista subscribiu a formulación da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), que denunciou hai uns meses a existencia de relacións familiares entre dirixentes da Xunta e da fábrica.
Ademais Xavier Vence recordou que "unha sentenza da Audiencia Nacional validada polo Supremo obriga a abrir o expediente para o levantamento da concesión", polo que valorou como un "escándalo" o que considera manobras dos populares "para acabar por favorecer a continuidade de Ence".