O BNG acusa á Xunta de "agochar" a contaminación do Umia, " incumprindo os seus propios protocolos"

Umia
31 de maio 2022

Os nacionalistas denuncian que o encoro do Umia rexistra dende o pasado 16 de maio concentracións de cianobacterias por enriba das 2.000 cel/ml, cifra que, segundo os protocolos da Xunta de Galicia, deberían supoñer que se decrete a alerta de contaminación

Comparecencia de Ana Miranda con voceiros do BNG no encoro da Baxe
Comparecencia de Ana Miranda con voceiros do BNG no encoro da Baxe / BNG

O BNG de Caldas de Reis denuncia que o encoro do Umia rexistra dende o pasado 16 de maio concentracións de cianobacterias por enriba das 2.000 cel/ml, cifra que, segundo os protocolos da Xunta de Galicia, deberían supoñer que se decrete a alerta de contaminación por cianobacterias.

Á vista desta situación, o BNG sostén que a Xunta "agocha a contaminación do Umia" e que o fai " incumprindo os seus propios protocolos". 

O voceiro da formación nacionalista, Manuel Fariña, cre que a Xunta "debería explicarlle aos veciños e veciñas por que motivo" actúa desta maneira e considera que este feito ben a demostrar que a Xunta "non toma en serio un problema que, lonxe de remitir vai a peor cada ano".

Ademais, cuestiona que a Xunta converteu o Umia "nun sumidoiro de fondos públicos" anunciando medidas "cosméticas" que "nunca resolven ningún problema".

Tamén sostén que estas medidas anunciadas teñen o único obxectivo de "lavarlle a cara" a quen construíu o encoro contra a vontade das veciñas e veciños de Caldas.