O BNG alerta de contaminación por mercurio en Lourizán e o PP, crítico co alarmismo do Bloque, nega o perigo

Pontevedra
06 de maio 2021

Os nacionalistas esixen á Xunta todos os informes sobre o proceso de descontaminación dos terreos de Elnosa na planta de Lourizán despois de que o presidente de Ence alertara da deteccion de valores elevados de mercurio en terreos da pasteira e nas augas . A Xunta asegura que está a realizar un seguimento pormenorizado do desmantelamento da cloreira e lanza unha mensaxe de "tranquilidade, que non de pasividade"

Traballos de desmantelamento da fábrica de Elnosa
Traballos de desmantelamento da fábrica de Elnosa / Mónica Patxot

O grupo parlamentario do BNG presentou este xoves unha proposta non de lei na comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia relacionada coa contaminación por mercurio dos terreos de Ence e Elnosa e as medidas previstas polo executivo autonómico, que segundo os nacionalista está "máis preocupado por ocultar información que por dar unha resposta a alarma social", defendeu o deputado Luís Bará, facendo referencia a palabras do director de Ence nas que afirmaba que a contaminación superaba os parámetros establecidos. 

A portavoz de Medio Ambiente do grupo popular, Marisol Dïaz, asegurou que a Xunta "fai un seguimento da execución do desmantelamento e descontaminación de Elnosa con informes periódicos e unha inspección final de comprobación para acreditar que os terreos que ocupaba esta fábrica revertan ao Estado de acordo cos parámetros que fixa a lei". Neste sentido, a deputada quixo trasladar unha mensaxe de " tranquilidade, que non pasividade" e pediu á oposición que "percorra ao alarmismo".

Aínda así, os nacionalistas esixen toda a documentación relacionada co caso e advirten que, de non proporcionarllo, o Bloque comparecerá na consellería para reclamala.

Xustificou o nerviosismo da sociedade Bará en que o propio director da fábrica de Ence facía alusión a analíticas nas que os índices de contaminación eran excesivos e que estaban a afectar ao terreo que ocupa a factoría, así como a augas superficiais e subterráneas. 

En calquera caso, sostén o deputado pontevedrés que "estamos a pagar as consecuencias dunha localización inadecuada do complexo industrial dende os anos 60 que fan necesaria a súa saída da ría de Pontevedra".

Pola súa banda, os populares lanzan unha mensaxe de tranquilidade. "Estase a cumprir coa normativa aplicable en materia de solos contaminados, esixindo a Elnosa unha análise de risco que parta dos escenarios máis conservadores para garantir a total eliminación do mercurio e aprobar un proxecto de descontaminación garantista, e esixindo a Ence que, malia a localización próxima a Elnosa, afonde na investigación das análises de risco, co fin de ter todos os datos necesarios para proceder á eliminación do mercurio”, apuntou.

Ademais, sostén Díaz, que os actuais niveis de mercurio detectados non comportan riscos, pero que  "a consellería vai seguir investigando o que está a acontecer nesta área industrial de Lourizán, requirindo canta información sexa necesaria e, de ser preciso, adoptar todas as medidas que permitan controlar e eliminar a presenza de mercurio nestes terreos", resolveu.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora