O BNG comarcal anuncia unha "ofensiva política" en defensa da sanidade pública

Pontevedra
01 de febreiro 2020

Os responsables municipais do BNG na comarca mantiveron este sábado unha reunión co deputado Luís Bará cualificando de "situación límite, caótica" a que se está vivindo no servizo de urxencias de Montecelo

Rolda de prensa dos representantes municipais do BNG na comarca e o deputado Luis Bará
Rolda de prensa dos representantes municipais do BNG na comarca e o deputado Luis Bará / PontevedraViva

A situación da sanidade pública, en especial na comarca, centrou o encontro deste sábado entre os responsables municipais do BNG dunha decena de municipios da zona e o deputado Luís Bará.

Trátase, aseguran, dun "estado de auténtica emerxencia" ante o "colapso ou colapso próximo na sanidade pública na comarca e en xeral en todo o país" polos recortes experimentados ao longo dos últimos anos.

"Podemos decir que nestes momentos a sanidade pública está na UCI e se non se descalabrou é fundamentalmente polo compromiso e dedicación dos profesionais que están aguantando unha estrutura que está sendo atacada", explicou Luís Bará tras a reunión cos seus compañeiros de formación.

Aínda que as queixas céntranse en moitos casos na atención primaria ou pediátrica nos diferentes centros de saúde, o deputado nacionalista puxo o foco tamén na "situación límite, caótica" que se está producindo nas urxencias do Hospital Montecelo, onde "nos din os profesionais que están pasando cousas que nunca pasaran, e iso ten relación coa mala planificación, coa redución do gasto sanitario e co desvío de gasto sanitario para o sistema privado", acusou Bará.

Por todo iso o BNG comarcal anuncia que levará a cabo unha "ofensiva política" nas diferentes institucións nas que contas con representación, desde os  concellos pasando por Deputación ou o Parlamento de Galicia, pero "sobre todo na rúa" porque "pensamos que hai un malestar xeneralizado na  poboación e nos profesionais sanitarios".

O primeiro paso desta mobilización será apoiar a manifestación convocada o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela.