O BNG convoca unha concentración en defensa do PAC de Caldas

Umia
01 de febreiro 2022

Será este domingo 6 de febreiro ás 12 diante do centro de saúde. O grupo nacionalista esixe ao SERGAS devolva ao PAC de Caldas o médico que retirou e que complete dous equipos

Manuel Fariña, voceiro do BNG en Caldas de Reis
Manuel Fariña, voceiro do BNG en Caldas de Reis / BNG de Caldas de Reis

O BNG convocou a toda a veciñanza e a todas as forzas políticas e sociais dos concellos afectados a participar na concentración en defensa do Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas que terá lugar o vindeiro domingo, día 6 de febreiro, ás 12 da mañá diante do centro de saúde, na rúa Román López. 

O BNG sinala que a Xunta deixou ao PAC de Caldas sen un facultativo en horario de tarde de luns a venres. Co novo Plan Funcional o servizo de urxencias extrahospitalarias queda cun só profesional médico para atender ás máis de 21.000 persoas dos concellos de Caldas, Portas, Moraña e Cuntis, "e sen nengún cando este único médico teña que facer unha saída, algo que se produce con certa frecuencia".

"Con estas decisións irresponsables", afirmou o portavoz municipal do BNG, Manuel Fariña, "o SERGAS está a someter ao persoal sanitario a maiores cotas de traballo e estrés, a incrementar a presión nas urxencias hospitalarias e a derivar cada vez máis persoas á sanidade privada, verdadeira razón non confesada das políticas de recortes levadas a cabo pola Xunta de Feixóo".

Para os nacionalistas é necesario repoñer xa o segundo médico, e dotar ao PAC de dous equipos completos, "pero diante da cerrazón da Xunta, será precisa a mobilización social" e animou tamén ao PP a participar nesta protesta, porque "canta máis forza fagamos, máis pronto teremos unha solución".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora