A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que todo o "potencial" e a "capacidade" do empresariado galego está "lastrada" por "un dos principais problemas que ten hoxe Galiza" que é, ao seu xuízo, a "irrelevancia política á que nos están conducindo as forzas estatais".
Ana Pontón, xunto á cabeza de lista do BNG para o Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este luns un encontro en Pontevedra con empresarios da provincia.
Nesta reunión Carme da Silva trasladou o compromiso do BNG de ser unha "forza aliada" que vai "servir" ao tecido empresarial galego "para todas aquelas cuestións que repercutan nas súas posibilidades de crecemento" a través da representación que poida obter no Congreso dos deputados.
Posteriormente, en declaracións aos xornalistas, a portavoz do Bloque sinalou que "cando nos deixan facer as cousas demostramos que somos capaces de sacar proxectos que xeren emprego e riqueza".
Neste sentido, Ana Pontón insistiu na súa mensaxe electoral Galicia "necesita ter voz propia de man do BNG" xa que "os galegos e as galegas perden cando non estamos en Madrid".
Para Ana Pontón a nova cita electoral do 10 de novembro preséntase como unha "gran oportunidade" para "recuperar peso político" e poñer en marcha unha "axenda galega" que supoña "un futuro mellor para este país".
A portavoz do BNG insistiu en "poñer o foco" nos problemas e necesidades que teñen o sector naval, as industrias electro intensivas, as infraestruturas, as peaxes da autoestrada, o saneamento das rías, porque "é evidente que esta campaña non vai de Sánchez nin de Casado, esta campaña vai de Galicia", asegurou Pontón.
Por iso os nacionalistas afirman estar "ilusionados" porque cada día que pasa "imos a máis".