O BNG cualifica de "okupa" á Xunta polas súas instalacións nos terreos da Xunqueira de Alba

Pontevedra
13 de setembro 2019

Luís Bará denuncia o estado dos terreos convertidos nunha "escombreira" con vehículos abandonados e restos de obras

Luís Bará, deputado do BNG
Luís Bará, deputado do BNG / BNG

O deputado do BNG, Luís Bará formulou unha pregunta na Comisión de Ordenación territorial sobre as previsións da Xunta para abandonar as instalacións nos terreos da Xunqueira de Alba como prevé o ENIL, Espazo Natural de Interese Local, aprobado pola Xunta.

Tras a resposta da directora xeral de Conservación da Natureza, Belén Docampo, o nacionalista manifestou que a Xunta está actuando como "okupa" duns terreos que como afirmou a directora xeral, dixo Bará, "non conta con ningún documento da concesión".

Luís Bará denunciou o estado dos terreos convertidos nunha "escombreira" con "acumulación de vehículos abandonados, restos de obras, maquinaría e vehículos de empresas contratadas pola Xunta".

Para o nacionalista, a directora xeral na súa resposta "botou balóns fóra" polo que reclamou que a Xunta lidere a saída das diferentes administracións na Xunqueira de Alba e permita "recuperar os terreos para crear un grande parque público con zona verde nas proximidades da beira do río e da cidade de Pontevedra".

Resulta "inadmisible", reiterou Bará, que a Xunta actúe como "okupa" duns espazos públicos con instalacións que poden ser trasladadas a outros terreos.