O BNG de Marín considera que desde o ámbito municipal é necesario achegar solucións para tratar de paliar as consecuencias da pandemia e propón ao Concello que poña a disposición da Consellería de Educación locais para o seu uso como aulas de ensino no caso de ser necesarios durante o vindeiro curso escolar.
Os nacionalistas indican que son necesarias medidas excepcionais para unha situación excepcional e que teñen que poñerse sobre a mesa alternativas no caso de ter que fechar parte ou todo un colexio por casos de Covid-19. Con estas aulas alternativas podería darse continuidade ás clases presenciais.
En concreto, falan de que en Marín hai varias casas de cultura das comunidades de montes nas que xa se imparten cursos, de maneira que poderían usarse como aulas, e tamén propoñen como alternativas o edificio da Casa do Mar, que conta con salón de actos; e a biblioteca municipal, que ten a aula Cemit con equipamento informático e un salón de actos.
Estas instalacións tamén permitirían evitar desprazamentos de alumnado dunha determinada parroquia, como San Tomé ou San Xulián.
O BNG fai esta proposta ante a incerteza e preocupación que o inicio do curso está a provocar nas familias e critica que a actitude da Xunta e da Consellaría de Educación contribúen a aumentar estas sensacións. Así, cuestionan que aprobase un protocolo que non foi consensuado coa comunidade escolar e que non implica a diminución de ratios nin a contratación de mais persoal educativo ou de limpeza.
Ademais, os nacionalistas de Marín consideran que "a constante pelexa e a busca de réditos políticos por parte dos partidos con responsabilidades de goberno, PP na Xunta e PSOE no goberno central", contribúen a esa preocupación das familias.