O BNG de Moraña emitiu un comunicado de rexeitamento absoluto á aparición pública da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, no acto en que criticou os investimentos da Deputación Provincial no Salnés e onde se reafirmou nas súas declaracións nas que tachou de "chacha para todo" á presidenta da institución provincial, Carmela Silva.
Para os nacionalistas esta aparición demostra que a alcaldesa de Moraña secunda e apoia este tipo de actitudes machistas contra unha muller e, neste caso, representante pública.
Ademais, Marcos Suárez, representante local do BNG, lamenta que Luisa Piñeiro manteña a falta de respecto institucional e o enfrontamento continuo coa Deputación de Pontevedra cando, segundo indica, é a administración que máis diñeiro envía para o Concello de Moraña.
Os nacionalistas entenden que o máis adecuado tería sido recoñecer que as declaracións de Gonzalo Durán eran inapropiadas, pedir desculpas e desmarcarse delas. A posición da alcaldesa de Moraña provoca vergoña no BNG e resulta "bochornosa" e "indecente".
Suárez lembra ademais que a alcadesa apoiou ao seu concelleiro Jorge Caldas cando utilizou as expresións "mala zorra" e "sinvergüenza" para referirse a Carmela Silva. Aquelas publicacións nas redes sociais terminaron por provocar a dimisión do edil popular.