O BNG de Moraña convoca unha manifestación polo colapso sanitario que afecta o centro de saúde

Umia
11 de xaneiro 2023

A protesta vai levarse a cabo o domingo 22 de xaneiro ás 12.00 horas do mediodía. A marcha partirá do edificio do centro de saúde

Pancarta do BNG no centro de saúde de Moraña
Pancarta do BNG no centro de saúde de Moraña / BNG de Moraña

O BNG convocou a organizacións políticas, sociais e ao conxunto da veciñanza de Moraña coa intención de que o domingo 22 de xaneiro, a partir das 12.00 horas, leve a cabo unha marcha desde o centro de saúde para denunciar a situación actual da sanidade pública.

Alertan de que o centro se atopa "sumido nun caos" ao carecer de profesionais médicos, con anulación de citas desde fai máis de cinco meses; con pacientes infantís sen pediatra asignado; e cunha "situación límite de tensión e colapso" que está a pagar tamén o persoal que presta servizos neste centro de saúde.

Desde a formación nacionalista en Moraña lembran que os profesionais traballan "día a día nunhas condicións inasumibles" con sobrecarga laboral repercutindo na veciñanza. 

Sinalan tamén que o PAC de Caldas carece de médicos con frecuencia e iso conleva a derivación de pacientes ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, que termina saturándose.

Culpan á Xunta e ao Servizo Galego de Saúde de estar devastando a atención sanitaria e lembran que rexeitan os parches. A agrupación que lidera Marcos Suárez demanda médicos e recursos suficientes para ter unha atención digna no municipio.