Dende o incicio da crise sanitaria, o BNG de Moraña está a achegar ao Concello unha serie de medidas que axuden a reactivar a economía do municipio. A organización nacionalista acaba de incluír catro novas propostas ao paquete xa presentado ao goberno municipal hai tres semanas.
En palabras do seu voceiro, Marcos Suárez, trátase de "outras catro propostas complementarias máis necesarias para contribuír a paliar as consecuencias que xa está deixar na nosa economía a COVID-19".
Entre esta batería de propostas rexistradas polo BNG atópase un novo plan de reforzo dos turismos interiores de natureza, patrimonio histórico e de proximidade colaborando, segundo explica Suárez, "en todo momento cos sectores implicados neste eido".
Ademais, o voceiro nacionalista expón que outra das propostas necesarias dentro dese plan de dinamización do comercio local é a de "elaborar e entregar porta a porta a todas as veciñas e veciños de Moraña unha listaxe completa con toda a información que desexe cada un, dos establecementos do comercio local do concello".
As outras dúas propostas que inclúe o BNG son a planificación dunha axenda de actividades, concertos e outros eventos de pequeno formato dende xuño a setembro, que abranguería a todas as parroquias e promovería as actuacións de artistas e agrupacións locais e que se programaría sempre de acordo á "evolución da situación no momento das distintas fases da desescalada", matiza Suárez.
Por último, o BNG de Moraña pide ao goberno municipal o estudo da viabilidade económica para as arcas municipais, co fin de poder efectuar o aprazamento das taxas e impostos municipais non só ata o fin do estado de alarma, senón ata despois da temporada de verán.