O BNG de Poio carga contra "a manipulación e as mentiras" de Ángel Moldes

Poio
23 de xuño 2022

A responsable local do BNG de Poio, Marga Caldas, cargou duramente contra o Partido Popular de Poio e nomeadamente contra o seu voceiro Ángel Moldes, polas "mentiras e terxiversacións" que, ao seu xuízo, o PP está a realizar desde hai días sobre o imposto do IBI e a petición de dimisión do concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro

Marga Caldas, concelleira de Poio
Marga Caldas, concelleira de Poio / Mónica Patxot

A responsable local do BNG de Poio, Marga Caldas, cargou duramente contra o Partido Popular de Poio e nomeadamente contra o seu voceiro Ángel Moldes, polas "mentiras e terxiversacións" que, ao seu xuízo, o PP está a realizar desde hai días sobre o imposto do IBI e a petición de dimisión do concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro.

"Parécenos unha auténtica desfachatez que o señor Moldes se permita o luxo de pedir dimisións, cando o primeiro que debería cesar no seu cargo é el, porque non é de recibo que un representante dunha Corporación viva por e para crear tensións e problemas de xeito constante, co único propósito de producir desgaste e faltando á verdade dun xeito tan flagrante", aseverou a voceira nacionalista.

Caldas insistiu, tal e como xa fixera o propio concelleiro de Facenda, o tamén nacionalista Xulio Barreiro, en que "en Poio non se aplicou ningunha suba ao IBI para segundas vivendas".

"A realidade é que a día de hoxe en Poio a única modificación que se aplicou o IBI son as bonificacións que xa están en vigor para familias numerosas, para explotacións agrícolas e para edificios que iniciarán reformas apostando por métodos de enerxía sustentable, e que van do 50 ao 25%", subliñou Marga Caldas. 

A nacionalista considera "de extrema gravidade" o feito de que "o señor Moldes dea a entender de que o recibo para segundas vivendas se incrementou este ano, algo que é totalmente falso". 

Neste senso, o BNG de Poio tamén critica a "doble moral do Partido Popular". "Aquí temos ao señor Moldes falando dunha subida que non se produciu, mentres que en Sanxenxo ou Marín o PP quixo impulsar a mesma medida, pero cunha suba do 50% para segundas vivendas. Contradícense eles mesmos", enfatizou.

Marga Caldas lembrou que, logo de que o Goberno do Estado modificase a Lei de Vivenda, que xa só contempla a opción de aumentar o IBI a grandes propietarios, o Concello descartou esta posibilidade e non se aplicou. 

"Saír a vender como un éxito unha resolución que non terá ningún tipo de efecto para os veciños xa é ridículo, pero o máis grave é querer facer crer á cidadanía que esa suposta subida se está a aplicar. Se tivese a máis mínima vergonza o señor Moldes cesaría neste tipo de manobras, pero xa sabemos o cómodo que se sinte xerando crispación e enfado retorcendo a realidade, tal e como vén amosando nos últimos dez anos", criticou Caldas Moreira.

A voceira do BNG defende a xestión do compañeiro Xulio Barreiro e lembra que "neste 2022 o Goberno local de Poio, a través da área de Facenda, sacou adiante bonificacións e reducións nos recibos do IBI, da viñeta para híbridos e eléctricos e para outros impostos que son totalmente novidosos na comarca e que sirven para establecer unhas taxas máis equitativas, xustas e que reafirman o noso compromiso co establecido na Axenda2030", finalizou.