O BNG de Ponte Caldelas di que PP e PSOE "traizoan" os concellos da conca do Verdugo

Ponte Caldelas
01 de febreiro 2018

O BNG acaba de emitir un comunicado onde cualifican como "feito totalmente irresponsable" o ocorrido este mércores no pleno do  Concello de Vigo onde o PSOE e o PP aprobaron conxuntamente instar á Xunta a realizar pola vía de urxencia o transvasamento do río Verdugo. Algo que, sinala o Bloque, "xa se demostrou cos estudos feitos por técnicos que é totalmente innecesario, inviable e que non resolve nada"

Candidatura do BNG ás eleccións municipais en Ponte Caldelas
Candidatura do BNG ás eleccións municipais en Ponte Caldelas / BNG

O BNG acaba de emitir un comunicado onde cualifican como "feito totalmente irresponsable" o ocorrido este mércores no pleno do  Concello de Vigo onde o PSOE e o PP aprobaron conxuntamente instar á Xunta a realizar pola vía de urxencia o transvasamento do río Verdugo. Algo que, sinala o Bloque, "xa se demostrou cos estudos feitos por técnicos que é totalmente innecesario, inviable e que non resolve nada".

Para o BNG o resultado desta votación no concello vigués "demostra o pouco peso político que o PP e o PSOE dos concellos afectados teñen a nivel nacional e da incoherencia manifesta na que se desenvolven".

O Bloque Nacionalista Galego forma parte do goberno local de Ponte Caldelas xunto ao PSdeG-PSOE e a Agrupación Veciñal (AVP).

Os nacionalistas sinalan que mantiveron sempre unha postura coherente, "non como o PSOE que en Ponte Caldelas vota en contra, en Vigo a favor e no Parlamento abstense, nin como o PP que en Ponte Caldelas está contra o transvasamento, en Vigo a favor e no Parlamento galego votou en contra da iniciativa do BNG para paralizalo".

Finalmente o Bloque acusa ao PSOE e o PP de preferir "ningunear a Ponte Caldelas e Soutomaior e sacrificar o benestar e o futuro destes concellos, para acadar un puñado de votos en Vigo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en