O BNG rexistrou no Parlamento galego unha serie de preguntas e unha proposición non de lei, na que esixe á Xunta que desista de tramitar a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de ENCE.
Para Luís Bará, con esta modificación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo "pretende burlar as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión outorgada polo goberno do PP en 2016".
Nas iniciativas rexistradas faise referencia aos "concluintes e contundentes informes" do Ministerio de Transición Ecolóxica, e Concellos de Pontevedra e de Marín, "que non deixan lugar a dúbidas sobre a ilegalidade e o impacto das obras que pretende realizar ENCE en Lourizán".
Entre outros argumentos, estes informes citan que a reforma urbanística de Ence ignora tres sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión, ademáis propón un incremento do volume, altura e ocupación do espazo de dominio público, aluden á falta de integración paisaxística das actuacións e ao importante impacto visual, e ao "impacto negativo significativo sobre a biodiversidade e sobre as augas da ría de Pontevedra".
Segundo Bará, "en realidade o que busca a Xunta é crear a fición de que a fábrica pode seguir en Lourizán e faino nunha estratexia coordinada coa empresa ENCE: por un lado intentando legalizar a ampliación e consolidación do complexo e, por outra, mediante unha interpretación torticeira e manipulada do informe do consello consultivo a respecto da adscrición ao porto de Marín dos terreos que actualmente ocupa a fábrica".
Por outra parte, o BNG di que "a Xunta está boicoteando os intentos de buscar terreos para un posíbel traslado do complexo industrial, co que queda claro que o PP quere que a fábrica peche para poderlle botar a culpa ao goberno municipal e ao goberno central. Ao PP non lle preocupan os postos de traballo: o que quere é obter réditos eleitoriais e que a fábrica peche para ter a quen botarlle a culpa".
PREGUNTAS SOBRE O INFORME DO CONSULTIVO
Por outra parte, o vindeiro mércores día 2 o deputado nacionalista Luís Bará formulará preguntas ao goberno da Xunta na comisión 1ª do Parlamento, en relación co informe do Consello Consultivo sobre a adscrición ao porto de Marín dos terreos que ocupa a fábrica e a manipulación por parte do goberno galego do contido do mesmo.