O BNG insta á Xunta a colocar un paso de peóns e unha zona de carga e descarga na recta do Laño

Poio
09 de decembro 2021

Luís Bará vén de presentar diversas iniciativas no Parlamento para dar resposta a unha demanda da veciñanza e do Concello de Poio

Raquel Rodríguez, Luis Bará, Luciano Sobral e Marga Caldas na recta do Laño
Raquel Rodríguez, Luis Bará, Luciano Sobral e Marga Caldas na recta do Laño / BNG de Poio

O BNG entende que as obras de mellora feitas pola Xunta na estrada PO-308 entre O Covelo e Raxó, no concello de Poio, "deixaron atrás varios aspectos que compre corrixir". 

O deputado nacionalista, Luís Bará, anunciou a presentación de diversas iniciativas parlamentarias para que a Xunta acometa as melloras demandadas tanto pola veciñanza como polo Concello de Poio, e garantir así unha mellor seguridade para os peóns. Nomeadamente, o Bloque insta á Xunta a colocar un paso de peóns e unha zona de carga e descarga na recta do Laño.

Xa o Concello de Poio demandou por escrito e en diferentes xuntanzas, varias actuacións complementarias para corrixir as deficiencias detectadas, nomeadamente aquelas relacionadas coa mellora da seguridade peonil.

Por parte da veciñanza tamén se trasladaron á Xunta diversas peticións, avaladas por 697 sinaturas de persoas afectadas pola deficiente execución das obras na recta do Laño. Unha das principais demandas do Concello e da veciñanza consiste na construción dun paso peonil e na recuperación dunha zona de carga e descarga que había na zona, á altura do km 9,400, antes de realizar a reforma.

En relación con esta demanda existe un informe da Policía Local de Poio que fai referencia a un establecemento comercial que xera moita mobilidade de persoas e vehículos, así como a unha intersección que comunica o Camiño do Salgueiral coa baixada á praia do Laño. A este respecto, faise constar que o paso de peóns máis próximo está situado da 600 metros desta zona.